Protagonistas
Polos dereitos do Pobo Mapuche
A eurodeputada Ana Miranda participa na delegación do Parlamento Europeo desprazada a Santiago de Chile co motivo da sexta sesión plenaria da Asemblea parlamentaria Euro-Latinoámerica, que reúne a representantes dos parlamentos de América Latina e da Eurocámara, nun encontro que se enmarca dentro da cimeira Unión Europea-Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (UE-CELAC).
Durante a celebración desta asamblea interparlamentar eurolatinoamericana, a eurodeputada do BNG participou no acto de homenaxe a Salvador Allende que realizaron os grupos parlamentares de esquerda, na sesión plenaria de debate de propostas en materia económica, social, medioambiental, educación e cultura e de dereitos humanos. A eurodeputada do BNG participou no acto de homenaxe a Salvador Allende que realizaron os grupos parlamentares de esquerda.
Miranda transmitiu a especial preocupación pola situación do Pobo Mapuche en situación crónica de discriminación e illamento, unha preocupación que se plasmou na declaración de parlamentarias e parlamentarios lamentando o tratamento que o Goberno de Chile da ao Pobo Mapuche dende o punto de vista político, socieconómico, xurídico, xudicial e cultural, transmitindo a preocupación polas lexítimas demandas de recuperación de territorios e de autodeterminación do Pobo Mapuche.
Fíxose un chamamento ao Goberno de Chile a respeitar os dereitos e garantías recoñecidos nas convenios internacionais asinados por este Goberno, anfitrión da cumbre, lembrando aos dous líderes mapuches que levan 73 días de folga de fame nas prisións de Angol e Concepcion, onde a eurodeputada do BNG ten previsto visitalos.
A formación nacionalista defende o “pleno recoñecemento” do Pobo Mapuche, que debe ter os mesmos dereitos e acceso aos mesmos servizos e as mesmas oportunidades que o resto dos cidadáns, evitando a criminalización que pretende desmovilizar, castigar e despolitizar aos movimentos sociais.
Neste sentido, Miranda participa na manifestación “Yo marcho con los Pueblos”, convocada por máis de 400 organizacións sociais e cidadáns que se mobilizan pola “xustiza social, a solidariedade internacional e a soberanía dos pobos”.
A eurodeputada nacionalista tamén mantivo reunións con representantes da Comisión Ética contra a Tortura e co foro latinoamericano da muller, no que se abordou a situación da muller en latinoamérica, poñendo especial énfase na denuncia do feminicidio.
[ARTIGO] A historia dun apartheid
Observar de preto unha realidade sempre é máis impactante que coñecela por vías secundarias. Sentirte na pel daquel con quen falas outorga máis información que moitas análises académicas exhaustivas. E, ademais, as fontes primarias foxen dos intereses daqueles que exercen de intermediarios.
Por ese motivo as formacións políticas integradas na Alianza Libre Europea queriamos coñecer de primeira man o que acontece en Palestina. A delegación, composta por compañeiras e compañeiros de Córcega, Gales e Flandes, viaxou a Xerusalén e a Cisxordania onde visitamos cidades como Ramallah ou Hebrón.
O que máis nos chamou a atención foi a grande cantidade de checkpoints. Estes puntos de control están situados dentro das cidades e nas principais estradas que conectan os territorios palestinos cos territorios israelís. En 3 días de delegación tivemos que pasar por máis de 10 checkpoints, con controis de pasaportes realizados polo exército. Ademais, en relación á existencia destes puntos de control militarizados, tivemos dous momentos especialmente tensos.
O primeiro, en Hebrón. Nesta cidade viven 150.000 palestinos e 500 colonos israelís, situados en asentamentos nunha zona da cidade. Hebrón, volcada ao comercio, viu como un barrio enteiro foi borrado do mapa para garantizar a seguridade ao redor dos habitantes dos asentamentos. Casas e negocios pechados para non ser habitados por ninguén. Unha vergoña que só se ve acrecentada pola imposibilidade dos palestinos de cruzar por estas rúas “prohibidas”, reservadas para os israelís baixo a ameaza de ter graves problemas cos militares que deambulan por esas rúas mortas. Todo baixo o pretexto de sempre: a seguridade.
Pois ben, para entrar ao barrio colindante co asentamento pasamos por un deses puntos de control. Un detector de metais e tres militares israelís vixiaban como pasaban as nenas e nenos que voltaban da escola. O noso guía, un activista polos dereitos humanos en Hebrón, foi arrinconado polos militares, que se apresuraron a requisarlle provisionalmente o seu permiso de residencia. Só tras unha longa e tensa negociación o noso acompañante puido recuperar o seu documento, e unha pregúntase que tería pasado no caso de non ir acompañado de tres eurodeputadas/os.
O permiso de residencia é diferente para palestinos e israelíes. Esta documentación segregatoria é unha das máis eficaces ferramentas do control arbitrario e do abuso sistemático que o Goberno israelí exerce sobre a poboación palestina, condicionando a súa vida diaria e as súas posibilidades de desprazamento polos territorios de Cisxordania ou Xerusalén. Mesmo nós, cidadáns da Unión Europea, fomos retidos durante media hora nun control de seguridade en carretera, observando atónitos como unha familia víase obrigada a pasar polo detector de metais os seus mobles (de madeira!) mercados esa mesma tarde, ou a compra feita no supermercado. A familia, como non, era palestina.
O segundo momento de tensión foi no punto de control máis exhaustivo dos que puidemos observar: o que separa a capital de Cisxordania (sede da Autoridade Nacional Palestina), Ramallah, da cidade de Xerusalén. Alí, baixo a sombra do muro da vergoña, que rodea o perímetro dos 600km de territorios palestinos, numerosas torres vixía e soldados armados deciden quen pode pasar e quen non. Ao chegar á altura do soldado correspondente, requiriusenos mostrar as nosas identificacións. Xunto aos pasaportes estranxeiros, estendémoslle a carta de identidade do noso fotógrafo: un palestino residente en Xerusalén. Inmediatamente, fixérono saír do microbús e, a continuación, levárono ao posto de paso que, segundo eles, era “para palestinos”, ante a nosa imposibilidade de reacción, por mor de non empeorar aínda máis a situación. Alí fixérono entrar nun cubículo, onde o retiveron alegando que tiña que demostrar con documentos que xa pagara unha multa que se lle impuxera. Desde as 12.30h que chegamos ao checkpoint ata as 17.30h que chegou a Xerusalén ese home viu vulnerados os seus dereitos. Un home, Mahfouz Abu Turk, fotoxornalista, que previamente xa nos amosara o seu compromiso coa defensa dos dereitos dos xornalistas no seu país. Porque, semella, que ao Estado de Israel hai cousas que non lle apetece que se conten.
Jill Evans, François Alfonsi e mais eu contaremos estas experiencias no Parlamento Europeo, dirixidas a quen ve en Israel un afable aliado. As demolicións de casas palestinas, o estabelecemento táctico de asentamentos xudeos e o trato discriminatorio no subministramento de servizo básicos, ademais dos xa mencionados checkpoints, son só unha ferramenta máis ao servizo do verdadeiro obxectivo do Estado de Israel: reducir a presenza do pobo palestino á mínima expresión. Unha estratexia sistematizada e persistente, na que non se escatima en recursos nin se repara nas formas. Por iso, temos a responsabilidade de lembrarlle á Comunidade Internacional esta situación extrema. Un apartheid que non abre telediarios pero que por cotián non deixa de ser grave. Evitar no Parlamento Europeo o acordo comercial Unión Europea – Israel é o primeiro paso.
Galiza leva as reivindicacións do seu sector pesqueiro a Bruxelas
A Comisaria confirma ao BNG e ao sector o seu apoio para que a pesca artesanal quede excluída das transferencias de cuota
A Comisión Europea estudará unha nova definición de pesca artesanal e concorda co BNG e co sector nun etiquetado con trazabilidade
Bruxelas, 28 xullo de 2012 .- O BNG valora positivamente a reunión celebrada esta tarde entre o sector da pesca galego e a Comisaria de Pesca da UE María Damanaki, nunha interlocución directa propiciada polo BNG ante o Executivo da Unión Europea. Neste sentido, tanto a formación nacionalista como o conxunto do sector, trasladaron á Comisaria unha mensaxe de unidade en defensa da pesca artesanal e do marisqueo de Galiza. “Somos un país pesqueiro e debemos recibir o trato que como tal nos corresponde”, segundo indicou a eurodeputada Ana Miranda resumindo o sentir de tódolos participantes.
Nos aspectos concretos abordados na reunión, Damanaki concordou tanto co BNG como co sector en que a pesca artesanal e o marisqueo deben quedar excluídos das cuotas de pesca transferibles (CPT), igualmente amosouse totalmente aberta a reformular a actual definición de pesca artesanal incluíndo novos parámetros como os que os que propón o BNG de ampliar a 15 metros de eslora a lonxitude dos barcos que poderían entrar nesta categoría e outros como a realización de mareas de ata 36 horas e o uso de artes selectivas.
Igualmente, a Comisaria Europea apoia totalmente a proposta de comercializar os produtos do mar baixo un “etiquetado con trazabilidade”. “En palabras da propia Damanaki, os consumidores teñen dereito a saber se o peixe e o marisco veñen de Galicia ou de Perú, se son conxelados ou frescos e a data de captura”, explicou Miranda á saída da reunión.
Mauritania
Tanto o BNG como o sector transmitiron o seu total rexeitamento do protocolo asinado con Mauritania que deixa fóra á frota cefalopodeira galega solicitando o inicio de novas negociacións que conclúan cun acordo “xusto para a frota galega” e que mentres tanto se faciliten axudas a este sector da frota. A Comisaria non fixo ningún comentario máis alá de comentar que estudaría a situación.
Envío de propostas
A Comisaria valorou moi positivamente a oportunidade de escoitar directamente as propostas e as demandas dos distintos representantes do sector pesqueiro artesanal e do marisqueo de Galiza solicitándolle, incluso, que lles fixeran chegar por escrito as demandas expresadas durante a reunión. No encontro estiveron presentes, ademais da eurodeputada Ana Miranda e o parlamentario Bieito Lobeira, o presidente da Federación Galega de Confrarías, Benito González Sineiro, o presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galiza, Francisco Alcalde, o presidente de ASOAR – ARMEGA, Xosé Lois Rodríguez, a presidenta da Federación Galega de Redeiras, Rosa Rodríguez, o representante da federación de Mar da Confederación Intersindical Galega, Xavier Aboi e diferentes colectivos e confrarías de Galicia.
Paraguai: Lugo destituído nun xuízo político sumarísimo
Bruxelas, 17 xullo de 2012 .- A deputada nacionalista Ana Miranda participa na delegación oficial enviada polo Parlamento Europeo a Paragui para indagar as circunstancias da fulminante destitución de Fernando Lugo como presidente do país latinoamericano e o posterior nomeamento de Federico Franco.
O cambio ao fronte da Presidencia da República de Paragui tivo lugar o pasado 22 de xuño despois dun xuízo político sumarísimo a Lugo, que concluíu coa decisión do Congreso de depoñelo do seu cargo cos votos da práctica totalidade da Cámara. A decisión sería pouco despois referendada tamén polo Senado.
Ante as interrogantes legais suscitadas por este proceso, -Lugo só tivo dúas horas para preparar a súa defensa ante o xuízo político-, o Parlamento Europeo decidiu enviar unha delegación indagatoria integrada por membros da Delegación Parlamentar Europa-Latinoamérica, á que pertence Miranda.
O obxectivo é ter información directa dos principais interlocutores políticos, económicos e sociais de Paraguai para establecer se a destitución de Lugo é produto dun golpe de Estado, como aseguran os seus partidarios e os principais xefes e xefas de estado do países de América Latina, ou se se trata do exercicio dunha prerrogativa recoñecida na Constitución, como afirman os aliados de Franco.
A eurodeputada do BNG co ex-Presidente do Paraguai Fernando Lugo (c) BNG Parlamento Europeo.
Neste sentido, os membros da Eurocámara terán reunións tanto con Lugo como con Franco, con exministros recén destituídos e cos seus homólogos no actual Goberno, con representantes de todos os partidos políticos, organizacións sindicais e empresariais e con referentes socias do país.
Paraguai viviu baixo a ditadura de Alfredo Stroessner durante 34 anos, derrocado por outro golpe de estado. Ata a década dos 90, Paraguai non tivo unhas eleccións con garantías democráticas, a xuízo dos observadores internacionais, “de aí a importancia de establecer as circunstancias desta destitución e de axudar a consolidación do proceso democrático neste país”, salienta Miranda.
Arxentina, Uruguai, Brasil, Chile, Venezuela, Bolivia, Ecuador, Perú están entre os países que cualificaron a destitución de Lugo de “golpe de Estado”. Ao mesmo tempo, Paraguai foi destituído de Mercosur coa indicación de que non será incluído ata que se celebren novas eleccións, previstas para 2013. Igualmente, Paraguai foi suspendido de UNASUR, a Organización de Nacións de Sudamérica.
Misión de Observación do Parlamento Europeo sobre as eleccións de Timor Leste
A eurodeputada nacionalista forma parte da delegación que se despraza co obxectivo de contribuir a que os comicios se desenvolvan con todas as garantías
Bruxelas, 4 xullo de 2012.- A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, forma parte da misión de observación do Parlamento Europeo do proceso electoral de Timor Leste que se celebra o vindeiro 7 de xullo, cuxo obxectivo é contribuír a garantir que os comicios se desenvolven con todas as garantías.
O envío desta misión de observación responde a un convite realizado polo goberno da República Democrática de Timor Leste e, en coordinación con delegacións e expertos en seguimento de procesos electorais, analizará o traballo da administración electoral, manterá diversos encontros con representantes do Goberno, da sociedade civil, con observadores internacionais e do propio país, e con representantes dos partidos políticos.
Timor Leste celebra as eleccións lexislativas o 7 de xullo de 2012, despois de que entre os meses de marzo e abril tivese habido eleccións presidenciais que converteron en presidente a José María de Vasconcelos. Ademais, este ano de comicios coincide co décimo aniversario da independencia de Timor Leste de Indonesia, tras 24 anos de ocupación.
Os episodios de violencia entre 2006-2008 fixeron precisa unha intervención internacional que aínda continúa, -unha forza de estabilizacion integrada por efectivos australianos e neozelandeses-, e amosan a necesidade de contribuír a consolidar o proceso democrático neste país, ex colonia primeiro de Portugal e despois de Indonesia, da que se independizou fai unha década.
A ONU mantén en Timor Leste unha forza composta por máis de 1.000 policías e militares, que está previsto inicien a súa progresiva retirada tras estes comicios lexislativos.
Horta, premio nobel da paz
Entre os encontros que manterá a delegación da Eurocámara da que forma parte Miranda figura a reunión co presidente de Timor Leste e con José Ramos Horta, ex presidente do país, líder da resistencia timorense contra a ocupación de Indonesia e premio Nobel da Paz en 1996.
A misión do Parlamento Europeo está integrada por un total de 7 deputadas e deputados dos grupos políticos do Parlamento, e finaliza tras os comicios do próximo día 7 de xullo, unha vez feito o reconto dos votos e unha valoración sobre o proceso electoral. A deputada nacionalista acude en representación do Grupo Verdes/ALE, do que o BNG forma parte dentro da Eurocámara.
Cotas transferibles de pesca, punto negro da PPC
A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, salienta que a posición do BNG é contraria a aplicar calquera sistema de transferencia de cotas de pesca, pero entende que a proposta do Consello Europeo está “en concordancia” coa postura nacionalista e, sobre todo, confirma a exclusión da pesca artesanal do sistema de CPT.
Neste sentido, Miranda critica que, por contra, o Consello decidise “primar economicamente” aos Estados que adopten voluntariamente o sistema de CPT, “porque é o mesmo que fomentar a privatización dos recursos mariños e a concentración dos dereitos de pesca en poucos produtores”, argumenta a eurodeputada.
Outro aspecto relevante para o BNG adoptado na reunión Comisión-Consello está referido aos descartes. Para a formación nacionalista, a pesca artesanal debe ter un réxime diferenciado para solucionar o problema das capturas non desexadas, razón pola que considera “continuista” o acordo polo que un 5% dos descartes non computarán dentro da cota de capturas asignada a cada embarcación cando se trata de pesquerías multiespecies, como é o caso da frota galega.
Igualmente, Miranda valora a decisión de habilitar “melloras económicas” para a frota que utilice artes de pesca selectivas que axuden a preservar os recursos mariños e, ao mesmo tempo, permitan a actividade económica ao sector.
A eurodeputada criticou que o Estado español non fose capaz de acadar ningún avance no denominado “principio de estabilidade relativa” que consagra os dereitos adquiridos dos estados e que da lugar a incoherencias como que frotas menos importantes ca galega teña asignada maior nivel de cotas de capturas.
A Comisión Europea debe dictaminar se a compravenda de participacións preferentes cumpriu a legalidade da UE
Considera “inadmisible” que a Xunta presente ao Executivo da Unión Europea unha proposta que non garante a devolución íntegra dos depósitos como é a arbitraxe
O BNG presentou ás plataformas de afectados de todo o país as iniciativas no PE
Vigo, 7 xuño 2012 .- O BNG solicitará á Comisión Europea que, como Executivo da Unión Europea, ditamine se o proceso de compravenda de participacións preferentes cumpriu a normativa comunitaria en materia de produtos financeiros ou se estamos ante un caso de vulneración das normas en vigor en todos os Estado membros.
Na reunión celebrada en Vigo con representantes das plataformas de afectados de toda Galiza, coa eurodeputada Ana Miranda, o deputado Henrique Vieitez e o portavoz municipal do BNG no Concello de Vigo, Santiago Domínguez, o BNG indicou que a iniciativa parlamentar que presenta na Eurocámara tamén demanda á Comisión Europea que concrete as medidas a adoptar para garantir que os afectados, – arredor 100.000 en toda Galiza, 43.000 só no caso de NovaGalicia Banco-, recuperen a totalidade dos seus aforros.
Neste sentido, o BNG cualificou de “inadmisible” que o Goberno da Xunta se dirixa á Comisión Europea, a través do conselleiro de Industria, a propoñer unha fórmula,-a da arbitraxe-, que non implica a devolución total dos depósitos. “É impropio dun Goberno ir a Bruxelas a defender unha fórmula que non defende os intereses dos galegos e galegas afectados senón das entidades financeiras”, denunciou Miranda, que pregunta ao Executivo da Xunta que aclare en que consiste esa arbitraxe. “Espero que non consista en que os afectados renuncien a parte dos seus cartos ou que os canxeen por outros produtos financeiros de dubidosa rendabilidade”, alertou Miranda.
Dentro da interpelación parlamentar que o BNG dirixe á Comisión Europea, solicita que se pronuncie sobre o feito de que NovaGalicia Banco reciba millóns de euros públicos a través do FROB sen que, por contra, se esixa como contrapartida garantías para os depositarios. “O único que xustifica que rescatemos bancos e caixas con recursos públicos é garantir os aforros dos clientes desas entidades. Se iso no se garante, como está a pasar no caso das participacións preferentes, para que rescatamos entidades financeiras con recursos públicos”, salientou Miranda.
A iniciativa do BNG no Parlamento Europeo tamén interpela á Comisión Europea para que explique a súa posición como Executivo comunitario ante o feito de que un Estado membro, como España, anuncie o rescate dunha entidade como Bankia, cun desembolso de recursos públicos cifrado en alomenos 20.000 millóns de euros, mentres é incapaz de dar unha solución política para os afectados pola compravenda das participacións preferentes.
O BNG considera que tanto a Xunta, así como os organismos de control, -Banco de España e Comisión Nacional do Mercado de Valores-, fixeron “deixación de funcións” no caso da compravenda de participacións preferentes. “Nin foron quen de garantir que os aforradores tivesen a información necesaria e con transparencia para non ser enganados”, denunciou Vietiez.
Neste, sentido, o BNG transmitiu ás plataformas dos afectados que seguirá coa súa ofensiva política en todas as institucións que sexan necesarias para acadar unha solución política para que os aforradores recuperen os seus depósitos.
Leyla Zana, condenada por Turquía pola defensa do pobo kurdo
Bruxelas, 4 xuño 2012.- A deputada do Parlamento turco e activista en prol dos dereitos humanos Leyla Zana acaba de ser condenada a dez anos de cadea por un tribunal turco baixo a acusación de difundir “propaganda ilegal”, en base aos discursos que fixo entre 2007-2008, moitos deles en foros como a propia Eurocámara. O BNG considera que esta sentencia supón un ataque á liberdade de expresión dunha activista dúas veces nominada ao Premio Nobel da Paz e que foi galardoada co Premio Sarajov á Liberdade de Pensamento en 1995, incansable loitadora dos dereitos do pobo kurdo.
Neste sentido, a través do Grupo Verdes/ALE, e como eurodeputada nacionalista Miranda promoveu o envío dun comunicado remitido á Alta Representante da Unión Europea de Relacións Exteriores, Margaret Ashton, na que se demanda que o Executivo comunitario exprese a súa condena desta sentencia e reclame a Turquía que se restablezan os dereitos civís e políticos de Leya Zana.
No escrito remitido a Ashton, asinado por Miranda e por eurodeputadas e eurodeputados como Jill Evans (Gales), Frieda Brepoels (Flandes), François Alfonsí (Córcega), todos de partidos nacionalistas, critican que a deputada kurda no Parlamento turco “teña sido privada dos seus dereitos políticos como o dereito a voto e o dereito a postularse para cargos públicos”.
“Consideramos que as acusacións son infundadas e que se trata dunha violación da liberdade de expresión e da liberdade política en xeral”, razón pola que se solicita tanto á Comisión Europea como ao Consello da Unión Europea que condene ese veredicto e que despregue os medios necesarios para asegurar que o Goberno de Turquía restableza os dereitos civís e políticos de Leyla Zana.
A Eurocámara aproba unha taxa para gravar as transaccións financieiras
A eurodeputada Ana Miranda cita o caso das participacións preferentes con miles de afectados “como exemplo de actuación especulativa das entidades bancarias”
Estrasburgo, 23 maio 2012 .- O BNG defendeu no Parlamento Europeo o informe que recomenda aos Estados membros implantar o denominado Imposto de Transaccións Financeiras (ITF), unha taxa que se aplicaría ás transaccións financeiras exclusivamente entre entidades bancarias coa finalidade de penalizar a especulación e, ademais, obrigar aos bancos a contribuír a pagar unha parte dos custes de crise en cuxa orixe teñen unha responsabilidade protagonista.
Durante o debate do “Informe Podimata”, en relación á redactora e aprobado por folgada maioría da Cámara, a eurodeputada Ana Miranda salientou que o ITF é “a mínima sinal política que esperan os cidadáns, fartos de que se lles pida sacrificios por mor da crise, mentres os responsables e principais beneficiarios non pagan ningún prezo”, alegou.
Miranda aproveitou o debate desta taxa para denunciar un “claro exemplo de especulación financeira que afecta a miles de galegos e galegas”, en relación ás denominadas participacións preferentes, “un produto financeiro lixo que ten atrapados a miles de cidadáns en Galiza, que ven como os aforros de toda unha vida desapareceron sen que de momento podan recuperalos, mentres os bancos son rescatados con millóns de fondos públicos”, denunciou.
A aplicación do ITF depende da vontade dos Estados membros, polo que o BNG reclama ao Goberno español que asuma este primeiro paso na dirección de gravar os movementos financeiros entre entidades bancarias, excluíndo aos cidadáns. Ademais, para evitar que se poda producir un efecto de evasión fiscal o Informe Podimata inclúe a proposta de que esta nova taxa, – de 0,1% para accións e bonos e do 0.01% para produtos derivados-, se aplique baseándose no principio de residencia que, na práctica, fai que os custes de saídas de capital da UE fosen maiores co pago da taxa.
Igualmente, en base ao “principio de emisión”, as entidades con base fora da UE tamén estarán sometidas ao pago do ITF, se actúan con valores financeiros emitidos dentro do territorio da Unión Europea.
Galiza debe recibir alomenos 3.500 millóns de euros en fondos comunitarios
O BNG advirte que coa actual proposta de distribución de fondos da Comisión Europea, Galiza só ten garantido 1.150 millóns de euros, cifra “inasumible” para o país
Galiza non encaixa no concepto de “rexión en transición” nen no concepto de “aterraxe suave” ao ser considerado un territorio rico, tras ter un nivel de renda do 91,3% do PIB da UE dos 27 Estados membros
Santiago de Compostela, 30 abril 2012 .- O Parlamento Europeo terá aprobada a distribución dos Fondos Comunitarios antes de finalizar o ano e, coa actual proposta presentada na Eurocámara pola Comisión Europea, Galiza vería reducida de 5.700 a 1.150 millóns de euros os recursos que lle correspondería como fondos estruturais e de cohesión para o período 2014-2020, unha cifra que o BNG considera “inaceptable e inasumible”, e establece como obxectivo que Galiza reciba 2/3 dos fondos asignados na actualidade, o que implica 3.500 millóns de euros.
A eurodeputada, Ana Miranda, e a portavoz do Parlamento galego, Ana Pontón, lamentaron a “inactividade” da Xunta nunha cuestión “vital” para o país e explicaron as iniciativas que o BNG presentará en ambas cámaras para que Galiza sega a manter unha parte substancial destes recursos.
Neste sentido, o BNG explicou as emendas ao documento da Comisión Europea, que agora inicia a súa tramitación na Eurocámara.
Empezando polo articulado que establece a distribución do financiamento, para que recolla “con absoluta claridade” que “os territorios que saian por primeira vez da categoría de Rexións menos favorecidas segan a percibir alomenos 2/3 da asignación que perciben no período actual 2007-2013”. Neste momento, Galiza “non encaixa nin na nova categoría de Rexión en Transición, ao superar o 90% de media do PIB da UE dos 27, nin encaixa tampouco no concepto de rede de seguridade ou aterraxe suave, porque non cumpre os requisitos establecidos na proposta da Comisión Europea para ampararse nesa vía”, explicou Miranda.
A formación nacionalista tamén reclamará con emendas a xestión “integra” do 100% dos fondos comunitarios que lle correspondan a Galiza, “igual que xa fan territorios como Gales, Escocia ou Flandes”, indicou a eurodeputada. “Agora o Estado español se apropia do 50% dos fondos que nos corresponden, porcentaxe que sube ao 80% no caso do Fondo Social Europeo”. “Galiza debe decidir o destino deses recursos en función das necesidades do país, para evitar que cos nosos fondos se financien obras como a T4”, alegou Ana Pontón.
Igualmente, a formación nacionalista reclamará unha “aplicación flexible” dos obxectivos nos que podemos investir os fondos comunitarios. Ao figurar como rexión rica “só é posible investir en 3 obxectivos”, e o BNG solicita que o noso país poda destinar eses recursos entre un abano máis amplo de temas, como a creación de emprego, investimento medioambiental, transporte e de cohesión social. “As nosas necesidades non son as de Baviera, por máis que pasemos a estar na mesma categoría, como din as estatísticas”, sinala Miranda.
Investimento urbano
O BNG tamén presentará emendas para que sexa o Parlamento Galego quen decida que cidades ou áreas urbanas recibirán o 5% do FEDER, corrixindo a actual proposta da Comisión Europea que establece que esa porcentaxe se destine a 20 cidades concretas por cada Estado, elixidas polo Goberno central.
Ademais, a cooperación transfronteiriza co Norte de Portugal debe volver a ser xestionada directamente pola Xunta, tal e como se fixo ata 2006, e que se inclúan novos criterios para a distribución dos fondos comunitarios, máis aló do nivel de renda, como por exemplo a taxa de desemprego e os condicionantes demográficos.
“Queremos garantías de cal vai ser a cantidade real de fondos comunitarios que lle corresponderá a Galiza para o período 2014-2020, polo que presentaremos iniciativas de control e impulso tamén na Cámara galega posto que, a diferenza do que pregoa a Xunta, o escenario de 2/3 non está nin moito menos asegurado, e queremos que Galiza controle o 100% deses recursos”, salientou a portavoz parlamentar Ana Pontón.




