Non te perdas

O BNG leva a Bruxelas a revisión da exención do IBI á Igrexa

IBI-Igrexa. (C) Sermos Galiza

“No BNG pedimos que non haxa privilexios fiscais para os bens da Igrexa de uso privativo como prazas de garaxe, edificios, hospedarías e estabelecementos comerciais”

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2012.- O BNG traslada ao Parlamento europeo a exención do IBI á Igrexa católica e solicítalle á Comisión europea que, como Executivo da UE, ditamine se cumpre a normativa comunitaria en materia fiscal e en materia de mercado interior, tendo en conta que existen precedentes como o do IVE, no que Bruxelas obrigou no seu día ao Estado español a aplicar ese imposto á Igrexa, do que tamén estaba exenta.

Con esta iniciativa na Eurocámara, presentada pola eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, e polo portavoz municipal de Santiago, Rubén Cela, Compostela pasa a ser a cidade que promove no Parlamento europeo a igualdade de trato fiscal entre a Igrexa católica e o resto das persoas contribuíntes, cando se trate daqueles bens que non teñan uso nin relixioso, nin social, -recalcaron ambos-, como prazas de garaxe, vivendas, hospedarías, locais comerciais ou terreos.

A interpelación á Comisión europea presentada polo BNG tamén solicita que esta  analice se debe instar ao Estado español a renegociar os acordos entre o Estado español e o Estado do Vaticano, asinados en 1979, e a idoneidade de estabelecer criterios comúns no conxunto da Unión Europea en materia de financiamento de cultos relixiosos, sempre desde a “máis absoluta tolerancia e respecto ás opcións persoais nesta materia, pero tamén desde a igualdade e a non discriminación fiscal, en particular nun momento no que se lle esixen esforzos á cidadanía, inasumíbeis para moitas persoas”, argumentou Miranda.

Miranda tamén anunciou que o BNG levará o tema ante a Plataforma da Laicidade no Parlamento Europeo, como foro de debate no que participan deputados e deputadas de diversos estados membros.

Rubén Cela, pola súa parte, lembrou que a proposición que trasladou o BNG ao Pleno do Concello de Santiago no mes de abril contou co voto en contra do PP e coa abstención do PSOE. “Nunca reclamamos que se pague por inmóbeis de culto relixioso nin patrimonial, como a Catedral de Santiago, nin por bens de uso social como a Cociña económica, o Albergue de Xoán XXIII, instalacións de Cáritas ou por inmóbeis cunha función educativa”, aclarou.

“No BNG pedimos que non haxa ningún tipo de privilexio fiscal dende a perspectiva de que aqueles bens da Igrexa que teñen un uso privativo como prazas de garaxe, edificios, hospedarías e estabelecementos comerciais estean en igualdade de condicións que o resto da cidadanía”, indicou, “pois é incoherente que se lle pidan esforzos económicos aos veciñas e ás veciñas, derivados do plan de axuste municipal que implica na próxima década unha suba importante do IBI para a cidadanía, xunto con recortes importantes noutras áreas, e que o Concello de Santiago renuncie a aproximadamente 200.000 euros ao ano por estes bens que actualmente non están tributando e que mesmo se podería dedicar a fins sociais”.

Ademais, Rubén Cela sinalou que até o2007 aIgrexa estaba tamén exenta do pagamento do IVE, pero foi a Unión Europea quen obrigou ao Estado español a suprimir este privilexio porque entendía que vulneraba a libre competencia e os tratados comunitarios a este respecto a pesar de que presentou reticencias.

Hai que ter presente que a Igrexa católica posúe en Santiago850.000 metroscadrados de bens de uso non relixioso e, segundo os datos que constan no Catastro, trátase de máis de 200 propiedades que non tributan.

O BNG aclara tamén, fronte ao que esgrimen persoas contrarias a esta iniciativa, que a formación nacionalista paga o IBI da súa Sede Nacional e de todos os locais das comarcas e localidades en propiedade.

Leyla Zana, condenada por Turquía pola defensa do pobo kurdo

Leyla Zana no PE (c) BNG Parlamento Europeo

Bruxelas, 4 xuño 2012.- A deputada do Parlamento turco e activista en prol dos dereitos humanos Leyla Zana acaba de ser condenada a dez anos de cadea por un tribunal turco baixo a acusación de difundir “propaganda ilegal”, en base aos discursos que fixo entre 2007-2008, moitos deles en foros como a propia Eurocámara. O BNG considera que esta sentencia supón un ataque á liberdade de expresión dunha activista dúas veces nominada ao Premio Nobel da Paz e que foi galardoada co Premio Sarajov á Liberdade de Pensamento en 1995, incansable loitadora dos dereitos do pobo kurdo.

Neste sentido, a través do Grupo Verdes/ALE, e como eurodeputada nacionalista Miranda promoveu o envío dun comunicado remitido á Alta Representante da Unión Europea de Relacións Exteriores, Margaret Ashton, na que se demanda que o Executivo comunitario exprese a súa condena desta sentencia e reclame a Turquía que se restablezan os dereitos civís e políticos de Leya Zana.

No escrito remitido a Ashton, asinado por Miranda e por eurodeputadas e eurodeputados como Jill Evans (Gales), Frieda Brepoels (Flandes), François Alfonsí (Córcega), todos de partidos nacionalistas, critican que a deputada kurda no Parlamento turco “teña sido privada dos seus dereitos políticos como o dereito a voto e o dereito a postularse para cargos públicos”.

“Consideramos que as acusacións son infundadas e que se trata dunha violación da liberdade de expresión e da liberdade política en xeral”, razón pola que se solicita tanto á Comisión Europea como ao Consello da Unión Europea que condene ese veredicto e que despregue os medios necesarios para asegurar que o Goberno de Turquía restableza os dereitos civís e políticos de Leyla Zana.

Hai alternativas á fumigación de eucaliptais con substancias tóxicas

queremos-abellas-non-as-fumigacions

Miranda traslada á UE as denuncias da Plataforma contra as Fumigacións 

Bruxelas, 3 maio 2012 .-  O BNG traslada á Comisión Europea a posibilidade de que os eucaliptais galegos afectados pola praga de gorgullo podan ser fumigados mediante medios aéreo con substancias tóxicas prohibidas pola normativa comunitaria, como é o caso do flufenoxuron, -principio activo dalgúns pesticidas comerciais-, cuxa utilización está vetada pola UE por razóns de seguridade alimentaria e polos danos que provoca en especies animais claves para o equilibrio do medio natural, como as abellas, sobre as que ten efectos mortais.

O Regulamento da Comisión Europea nº942/2011 establece a prohibición desta substancia e concede aos Estados membros ata finais de 2012 para que sexa retirada do mercado, substancia que, segundo denuncia a Plataforma contra as Fumigacións, é o principio activo do pesticida que pretende ser usado pola Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (ASPAPEL) para fumigar os eucaliptais galegos, ante a “indiferencia” da Xunta de Galiza, nomeadamente das Consellerías de Medioambiente e de Medio Rural.

Como explican as asociacións ecoloxistas e sindicatos agrarios que forman parte desa plataforma, a fumigación con produtos que conteñan esas substancia esa substancia tería consecuencias “catastróficas” para a cabana apícola galega, que ten un papel clave no ecosistema como elemento polinizador, e que xa se reduciu nun 50% nos últimos 4 anos, denuncian.

A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, traslada ao Executivo da UE mediante interpelación parlamentar esta situación, preguntando á Comisión polas medidas que teña previsto adoptar para garantir o cumprimento da normativa comunitaria, nun tema directamente relacionado coa saúde alimentaria e coa preservación de especies vitais para a preservación do medioambiente, tendo en conta ademais que as fumigacións áreas tamén están prohibidas pola Unión Europea desde 2011, sempre que a loita contra unha praga forestal se poda facer desde terra.

Miranda solicita á Comisión Europea que vele polo cumprimento da normativa comunitaria, en particular naqueles casos en que as autoridades locais, como a Xunta de Galiza, non actúe para garantir esa normativa cuxo incumprimento ten efectos graves no ecosistema, nun sector produtivo como a apicultura e na destrución de emprego e actividade económica.

Primeiro paso para que a pesca artesanal reciba fondos específicos

Mariscadoras- (c) El Mundo

Tamén recibe luz verde a prosposta da eurodeputada Ana Miranda de crear un Programa Específico para a Pesca Artesanal e o Marisqueo

Apróbase crear unha “etiqueta europea” para os productos da pesca artesanal e promover a incorporación de xente nova a empregos relacionados con este sector

Bruxelas, 27 abril 2012 .-  A Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo acaba de aprobar o informe presentado pola eurodeputada nacionalista Ana Miranda no que se recolle que o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), dotado con 6.500 millóns de euros para o período 2014-2020, reserve unha porcentaxe específica para a pesca artesanal e o marisqueo, ao tempo que tamén deu luz verde a  proposta de elaborar un Programa Específico para  a Pesca Artesanal e o Marisqueo, que en Galiza, supón o 80% da flota.

A Comisión, na que están presentes todos os grupos políticos da Eurocámara, aprobou o informe Miranda, (opinión en linguaxe comunitaria), con 35 votos a favor, unha abstención e ningún voto en contra, polo que a deputada confía en que as propostas recollidas no texto sexan asumidas nos seguintes trámites parlamentarios, tras ser sido consensuadas e plasmadas en emendas de compromiso cos Grupos da Cámara.

Ademais das cuestións sinaladas, tamén se aprobou a proposta de establecer unha “etiqueta europea” para as capturas de peixe da flota artesanal que sexan realizas baixo os criterios da Política Pesqueira Común (PPC), o que suporía un “selo de calidade” que reforzaría a identificación e o prestixio dos produtos pesqueiros que chegan ao consumidor procedentes de este segmento da flota, “clave en termos de número de embarcacións e de creación de emprego directo e indirecto”, salientou Miranda.

No medio da severa crise económica, o sector pesqueiro segue a xerar postos de traballo, de aí que o texto do BNG aprobado pola Comisión de Desenvolvemento Rexional tamén inclúa unha emenda de compromiso na que se recolle a  necesidade de “promover o acceso da xente nova” a empregos relacionados co sector pesqueiro, así como “accións de formación” para os profesionais da pesca.

Definición de pesca artesanal

En relación a polémica definición da pesca artesanal que aporta a Comisión Europa a través do departamento que preside a comisaria María Damanakis, o informe Miranda sinala que se trata “dunha definición desfasada que non reflexa a realidade”, posto que se limita a fixar como criterio principal os 12 metros de eslora que non poden ser rebasados polas embarcacións deste segmento de flota.

Pola contra, o texto aprobado aborda o feito de que “non existe unha definición unánime” da pesca artesanal na UE, e propón á Comisión establecer unha definición en base a varios criterios como as particularidades rexionais, xeomorfolóxicas, aspectos técnicos da pesca, sociais e medioambientais, concluíndo que é necesario unha “rexionalización” do concepto de pesca artesanal ou de baixura.

O BNG solicita á Comisión Europea a prórroga do acordo con Mauritania para evitar a paralización de 24 barcos galegos

FlotaGalega (c) EuropaPress

A eurodeputada Ana Miranda demanda un novo acordo co país africano que manteña a capacidade extractiva para o sector e sexa xusto para Mauritania

Bruxelas, 23 abril 2012 .-  O BNG solicitou hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo a prórroga do actual acordo pesqueiro entre a UE-Mauritania se antes do 31 de xullo, data en que expira o convenio en vigor, as autoridades comunitarias e o Goberno mauritano non logran asinar un novo convenio de colaboración.

“O obxectivo é que a frota galega cefalopodeira que faena nesas augas non se vexa obrigada a paralizar a súa actividade, posto que non ten outra alternativa de traballo e están en xogo máis de 400 empregos”, explicou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, ao tempo que preguntou ao Executivo comunitario polo estado das negociacións, despois de que se tivesen producido ata cinco reunións entre a UE e as autoridades mauritanas.

Durante a súa intervención na Comisión Parlamentar de Pesca, dentro do debate do informe da Dimensión Exterior da Política Pesqueira Común, Miranda reclamou un novo acordo pesqueiro con Mauritania “que manteña a actual capacidade extractiva da frota de 24 barcos galegos cefalopodeiros que fanean en augas mauritanas e, ao mesmo tempo, sexa xusto co país africano”.

Neste sentido, a eurodeputada salientou que, co actual acordo,  Mauritania recibe unha compensación económica de 305 millóns de euros da UE aos que se suma 60 millóns de euros que aporta o sector privado. A cambio, barcos de 12 países comunitarios faenan en augas mauritanas.

Miranda subliñou que era necesario ter en conta o equilibrio medioambiental dos recursos pesqueiros das augas na que faenan os barcos comunitarios, unha cuestión que o propio sector “entende como prioritaria”, pero sen esquecer que debe ser compatible coa “sustentabilidade económica e social”. Sen peixe non hai pescadores, pero os recursos pesqueiros tamén están para ser aproveitados para xerar emprego e riqueza.

Galiza ten un total de 24 barcos cefalopodeiros que se adican a captura de polvo e lura cun total de 14.000 toneladas máximas, coa obriga de facer dúas paradas biolóxicas ao longo de cada ano, concretamente entre maio e xuño e entre setembro e outubro. Segundo a información do propio sector, a frota cefalopodeira está integrada por barcos de 450 GT ou toneladas de arqueo,  30 metros de eslora, 150 toneladas de capacidade de carga e un promedio de 18 tripulantes por embarcación.

Asemblea da Alianza Libre Europea

GA_EFA_2012

Frisia, 22 marzo 2012 .-  A Alianza Libre Europea (ALE) celebra a súa asamblea xeral este ano en Frisia onde se reúnen representantes de 35 organizacións políticas de toda Europa, entre elas o BNG representado nesta ocasión pola eurodeputada Ana Miranda, quen participa nunha mesa redonda sobre a actual reforma da Política Agraria Común, ademais de ser designada para facer unha presentación do traballo desenvolvido por ALE no Parlamento Europeo.

A carta enviada ao Presidente do Parlamento Europeo para corrixir a designación sexista dos membros da Eurocámara espertou interés mediático

http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/ana-miranda-pide-corrija-designacion-sexista-miembros-eurocamara/idEdicion-2012-03-08/idNoticia-735429/  (EL CORREO GALLEGO)

http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-galicia/gh/nacionalista-ana-miranda-pide-corrixa-designacion-sexista-dos-membros-da-eurocamara/idEdicion-2012-03-08/idNoticia-735442/  (GALICIA HOXE)

http://www.europapress.es/galego/noticia-ana-miranda-bng-pide-corrixa-designacion-sexista-dos-membros-da-eurocamara-20120308115830.html (EUROPA PRESS)

http://euroefe.efe.com/1311_noticias/1509754_eurodiputada-gallega-denuncia-el-sexismo-del-lenguaje-de-la-eurocamara.html (EFE EUROPA)

O ACTA pon en perigo a liberdade en internet

EFA - ACTA - Strasbourg - 14-2-12 029

O BNG maniféstase en contra dos acordos interestatais que ameazan a transparencia nas negociacións dos dereitos de propiedade intelectual.

[VIDEO] Defendendo a pesca artesanal galega

Vídeo da intervención de Ana Miranda en defensa da pesca artesanal galega na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.