Intervencións
O BNG leva a Eurocámara a voz das plataformas contra os megaproxectos mineiros
É imperativo un cambio da normativa comunitaria para prohibir o uso de cianuro e de calquera outra substancia tóxica considerada altamente contaminante nas explotacións mineiras a ceo aberto, polo elevado risco de destrución medioambiental e das actividades económicas vinculadas ao territorio, en particular ao sector agrogandeiro e turístico no caso de Galiza.
A proposta foi formulada pola eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, durante a audición organizada polo BNG na Eurocámara para levar a ao Parlamento Europeo a voz das plataformas e colectivos sociais que se opoñen aos megaproxectos mineiros previstos en distintas partes do país. Baixo o título Movementos sociais en Europa contra a megaminería,a conferencia contou coa participación das plataformas e colectivos sociais que se opoñen aos proxectos mineiros a ceo aberto en Galiza: Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños (proxecto mina de ouro de Corcoesto), Plataforma Veciñal Corno do Monte-A Limia (proxecto de mina de feldespato da Limia), Plataforma Mina Wolframio Cartelle-Ramirás (proxecto de mina de wolframio en Cartelle e Ramirás) e a Asociación naturalista de defensa ambiental Ribeiras do Miño (proxecto de canteira de granito en Castrelo de Miño) coa presenza do propio rexedor, Xurxo Rodríguez, así como representantes da asociación ecoloxista Adega, e do sindicato agrario Fruga.
Miranda denunciou a “falacia” de pretender defender a implantación destes megaproxectos en base a unha suposta creación de emprego, como argumento para convencer ás poboacións afectadas nun momento de crise económica e taxas de paro sen precedentes. “Non se pode vender xeración de emprego cando estes megaproxectos van destruír os recursos naturais e o medio de vida das zonas onde se implantan, afectando especialmente ás actividades económicas xa consolidades dos sectores agrogandeiro e turístico dos que viven miles de persoas”, explicou.
Pola súa parte, os distintos portavoces das plataformas sociais coincidiron en reclamar un maior compromiso das institucións da Unión Europea na defensa dos intereses dos cidadáns europeos que viven nas zonas “ameazadas” por megaexplotacións mineiras ou canteiras, nun momento en que o Parlamento Europeo está debatendo unha reforma da actual normativa.
Neste momento a Eurocámara debate a futura directiva relativa a avaliación de impacto ambiental de determinados proxectos públicos e privados no medioambiente. Miranda avanzou que o BNG xa emendou o texto para que en todos os casos sexa obrigatorio elaborar unha declaración previa de impacto ambiental.
A audición organizada polo BNG contou coa participación dos eurodeputados do Grupo Verdes/ALE Nikos Crysogelos e Reinhard Bütikofer, do eurodeputado da GUE/NGL Nikolaos Chountis e do eurodeputado dos socialistas europeos, Victor Bostinaru.
Miranda: “A Eurocámara ten que apoiar a devolución da totalidade dos aforros por unha banca que recibiu rescates millonarios da UE”
O BNG reclama ao Parlamento Europeo “unha resposta política clara” a favor dos miles de afectados polas estafa das preferentes e polos desafiuzamentos
Acusa ao Goberno español e a Xunta de “deixación de funcións” e pide que a Comisión de Peticións manteña as denuncias abertas ata dar unha solución
O BNG defendeu na Comisión de Peticións da Eurocámara a necesidade de que o Parlamento Europeo envie “unha resposta política clara” ao Estado español para conseguir que os miles de afectados pola estafa das preferentes recuperen a totalidade dos seus aforros e que a dación en pago sexa unha alternativa para os afectados por procesos de desafiuzamentos.
Así o explicou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, tras escoitar a exposición das denuncias presentadas na Comisión de Peticións da Eurocámara pola delegación de Coordinadora da plataforma de fectados polas preferentes e subordinadas, e pola portavoz da Plataforma de afectados pola hipoteca.
“Despois de escoitar por parte dos afectados que a banca puxo en marcha unha estafa masiva para apropiarse dos aforros de 80.000 personas só en Galiza, temos que dar unha resposta política clara desde o Parlamento Europa. A única alternativa é que os afectados recuperen a totalidade dos seus aforros que foron estafados pola mesma banca que recibiu rescates millonarios desde a UE, só no caso de Novagalicia Banco, 5.425 millóns de euros”, explicou Miranda.
A eurodeputada nacionalista explicou na Comisión de Peticións que se trata “dun roubo premeditado e planificado, dunha estafa organizada que ten xenerado un auténtico drama social”, e criticou a “deixación de funcións do Estado español e da Xunta para dar unha resposta económica e política que supoña unha solución real” para as miles de familias estafadas”.
Neste sentido, Miranda tamén demandou á Comisión Europea que, como Executivo da UE, “actúe”. “A resposta da Comisión non pode limitarse a decir que lle corresponde aos estados facer cumprir a normativa europea en materia de protección dos usuarios da banca e, ao tempo, dar millóns de euros de recursos públicos para rescatar aos mesmos bancos que incumpriron esa normativa. Non se pode permitir esta impunidade”, salientou.
Dación en pago
Miranda tamén fixo referencia aos afectados por procesos de desafiuzamentos que, só en 2012, tiveron como consecuencia que a banca se quedase con 40.000 primeiras vivendas.
“Estafados polas preferentes e desafiuzamentos son os dous exemplos máis visibles de como son as víctimas da crise quenes pagan as consecuencias, mentres que a banca causante principal desa crise reciben millonarias aportacións públicas para ser rescatada”, argumenta Miranda, quen se sumou a petición da Plataforma de afectados pola hipoteca da dación en pago.
O BNG solicitou que a Comisión de Peticións manteña abertas as denuncias presentadas tanto polas Plataformas de Afectados polas Preferentes como pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca.
Miranda a Draghi: ‘É doado ditar medidas de austeridade que afectan á cidadanía desde a cómoda poltrona do BCE’
O BNG reclama na Eurocámara “redeseñar” o papel do Banco Central Europeo
O BNG reclamou no Parlamento Europeo “redeseñar” o papel e as funcións do Banco Central Europeo (BCE) na actualidade e o rol que está a desempeñar na economía da UE desde o inicio da crise económica.
Durante o debate do Informe anual do BCE en presencia do seu presidente, Mario Draghi, a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, criticou o empeño da entidade en promover medidas de axuste, de recorte e de austeridade que non permiten a recuperación económica e que, no caso do Estado español, se traducen nun continuado incremento da taxa de desemprego.
“Que doado é ditar medidas de austeridade desde a acomodada poltrona que ocupa no BCE señor Draghi, mentres a cidadanía sofre as consecuencias desas medidas: recortes salariais, perda do emprego e unha desprotección crecente pola permanente disminución das prestacións sociais básicas”, criticou a eurodeputada na súa intervención.
“Os resultados deberían chegar para cuestionar a eficiencia da política impulsada polo BCE nesta crise e debe motivar un cambio no papel que xoga esta entidade financeira, toda vez que os Estados membros que comparten a moeda do euro renunciaron aos mecanismos da política monetaria”, argumentou Miranda.
Miranda tamén criticou a falla de transparencia e de control do funcionamento do BCE que, salientou, “ten sobrepasado as súas competencias cando impón medidas aos Estados membros que afectan as súas políticas orzamentarias, ao mercado de traballo, aos servizos públicos, á fiscalidade e mesmo promovendo privatizacións e políticas neoliberais”.
Para a eurodeputada nacionalista, o Parlamento Europeo, como órgano de representación directa da cidadanía, “debe ter un papel crítico con este proceso de austeridade que impide crear emprego, e investir na economía produtiva”, concluíu.
O Parlamento Europeo debe vetar o acordo de pesca con Mauritania
Miranda critica a “incapacidade” do Goberno central e autonómico para frear a entrada en vigor do acordo tras ser aprobado polo Consello Europeo
Solicita o pago inmediato das indemnizacións á frota cefalopodeira e que se manteñan ata dispor dunha solución definitiva
O BNG solicita que o Parlamento Europeo rexeite o acordo pesqueiro asinado entre a UE e Mauritania antes de que o país africano reciba a contrapartida económica de 67 millóns de euros con cargo aos orzamentos comunitarios, como compensación por faenar nas súas augas.
A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, explicou esta proposta aos mariñeiros da frota cefalopodeira pechados na casa do Concello de Marín en protesta por un acordo “discriminatorio e inxusto”, que deixa fora das augas do país africano á totalidade dos 24 barcos galegos que faenaban neste caladoiro. “É evidente que unha vez que Mauritania reciba o ingreso establecido no convenio a capacidade da UE para renegociar un novo texto se verá seriamente comprometida”, alegou.
Miranda salientou que a decisión dos Estados membros de aprobar o protocolo no Consello Europeo “é unha dificultade engadida” no obxectivo de acadar unha renegociación do acordo, xa que tanto a Comisión como o Consello deixaron só ao Parlamento. Unha vez que os Estados, con excepción de catro encabezados por España, deron luz verde ao protocolo “as posibilidades de encontrar unha alternativa tornouse máis complexa”.
Neste sentido, a eurodeputada criticou a “desidia e o abandono” da Xunta á hora de dar alternativas, así como a “incompetencia política” do Goberno central “que foi incapaz de buscar unha minoría de bloqueo no Consello Europeo, -4 membros de 27 que representen o 35% da poboación-, para frear a entrada en vigor do protocolo”.
Pago das axudas
Con este escenario, Miranda considera imperativo que a totalidade dos mariñeiros afectados perciban as axudas de xeito inmediato e lamenta que case seis meses despois de asinar o acordo de pesca, moitos dos traballadores dos barcos cefalopodeiros aínda non teñan recibido as compensacións económicas establecidas. Ademais, o BNG demanda que as axudas para a frota afectada se prolonguen ata que exista unha solución definitiva á expulsión de Mauritania que os mantén amarrados a porto.
Hai que lembrar que o acordo con Mauritania é o maior de todos os asinados pola UE en materia pesqueira. O custe ascende a 67 millóns de euros cunha vixencia de dous anos. A frota cefalopodeira galega, que daba emprego directo a uns 400 mariñeiros, quedou excluída das posibilidades de capturas asinadas no convenio por entender que polbo e lura estabán sobreexplotados, algo que negan tanto os informes científicos do Instituto Oceanográfico Español como a propio sector.
Miranda: “Ten que pagar a frota cefalopodeira galega as consecuencias dun mal acordo con Mauritania?”
O BNG pide ao Parlamento e ao Consello Europeo que veten este acordo e que se proceda a inmediata negociación dun novo texto que inclúa aos 24 barcos galegos
Bruxelas, 28 de novembro 2012 .- O BNG defendeu esta tarde na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo que se vete o actual acordo de pesca asinado entre a UE e Mauritania e pediu a “inmediata” renegociación do mesmo para incluír á frota cefalopodeira galega, -24 barcos a maioría con base en Marín-, cuxa “arbitraria e inxusta” exclusión implica a perda 400 empregos directos.
“Ten que pagar a frota cefalopodeira galega as consecuencias dun mal acordo con Mauritania?”, interpelou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda durante o debate na Eurocámara.
Miranda argumentou que un acordo, por definición, “ten que beneficiar as dúas partes que o subscriben, non só ao país africano senón tamén á frota galega como parte integrante da frota europea. Con este acordo, Mauritania recibe un beneficio de 67 millóns de euros e a frota cefalopodeira do meus país queda expulsada e recibe cero euros de beneficio”.
Insistiu en que, “obviamente”, a UE ten que promover acordos de pesca xustos cos terceiros países, en particular cos países en vías de desenvolvemento, pero alertou que o convenio subscrito o pasado mes de xullo “non beneficia precisamente ao sector pesqueiro artesanal deste país, senón a grandes buques conxeladores que teñen bandeira mauritana pero que en realidade son grandes conxeladores arrastreiros de outros Estados”, denunciou.
O propio representante da Comisión Europea admitiu durante o debate que eses buques que si están capturando polbo e luras nas augas do país africano son barcos mauritanos “sobre o papel”.
A eurodeputada recalcou que “non debemos, de ningunha maneira, proceder á aprobación ou autorización provisional do acordo, porque iso suporá dar luz verde aos pagos a Mauritania por algo que o sector rexeita. Non podemos imporlle ao sector un acordo que non quere e que exclúe a todo un segmento de frota, e tanto o Consello Europeo a través dos responsables de pesca, como a Eurocámara, debemos votar en contra da ratificacións deste acordo”, concluíu.
Máis control na pesca de quenllas, pero sen penalizar á frota galega de palangre
Estrasburgo, 22 novembro de 2012.- O BNG respalda á frota galega de palangre na súa reclamación dun maior control e certificación na pesca de quenlla, ao tempo que critica a decisión da Eurocámara que hoxe aprobou a total prohibición de cortar as aletas dos escualos dentro das embarcacións, en aras da erradicación do denominado “finning”, unha práctica que consiste en cortar as aletas das quenllas e tirar ao mar o corpo, que xa está prohibida pola UE desde 2003, que o BNG condena de maneira inequívoca e que non practica a frota galega, que aproveita todo o corpo do animal para distintos usos comerciais.
A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, salienta que esta prohibición supón un prexuízo económico grave para a frota galega que pode ter consecuencias no emprego, ao tempo que afecta ás condicións laborais ao converter as aletas adheridas conxeladas nun elemento de risco na seguridade da tripulación durante o traballo no buque. Tamén ocasionará problemas de almacenamento nos barcos e obrigará a facer descargas en porto con maior frecuencia, co conseguinte incremento de costes na frota.
Miranda recalca que a medida aprobada hoxe “supón penalizar á frota galega por algo que non só non practica, -o finning-, senón que condena, pagando polo que fan frotas de terceiros países que acaparan o 90% das capturas mundiais de escualos fronte ao 10% da frota comunitaria, case toda galega e portuguesa”, explica a eurodeputada.
Neste sentido, o BNG apoiou as propostas do sector de maiores controis sobre as capturas de quenllas, como a obrigatoriedade de desembarcar sempre no mesmo porto o corpo do animal e das aletas comprobando que se respeta a proporcionalidade de peso establecida para cada parte, limitar as posibilidades de cortar as aletas a bordo á frota conxeladora, e contratar empresas auditoras independentes para que certifiquen que se cumpre a normativa, en particular cando as descargas se realizasen en portos con mecanismos de control insuficientes.
A frota palangreira galega que se adica a captura de tabeirón está integrada por 141 barcos, a maioría con base no porto de A Guarda.
Un novo acordo pesqueiro con Mauritania que inclúa á frota cefalopodeira galega
Miranda cualifica de “vergoña” que a frota galega non reciba ningún beneficio dun acordo que costa á UE 67 millóns de euros
A Comisión de Pesca “suspende” a Damanaki e rexeita o protocolo asinado con Mauritania
Bruxelas, 6 de novembro 2012 .- A Comisión de Pesca do Parlamento Europeo decidiu hoxe solicitar á Comisión Europea a renegociación do acordo pesqueiro asinado entre a UE e Mauritania en xullo de 2012. Un acordo que deixa fora a toda a frota cefalopodeira galega, un total de 24 barcos a maioría con base no Porto de Marín, e que supón a perda de 400 empregos directos.
Durante o debate, a eurodeputada nacionalista Ana Miranda cualificou de “vergoña” un acordo que expulsa e discrimina á frota galega, que non recibe ningún beneficio dun acordo pesqueiro que ten un coste de 67 millóns de euros para a Unión Europea. “Esta expulsión afecta a 400 familias nunha zona como o Morrazo altamente dependente das actividades pesqueiras, sen apenas alternativas económicas ou de recolocación noutras actividades”, explicou.
Miranda subliñou que o BNG apoia acordos responsables e xustos entre a UE e terceiros países, que concilien os intereses das dúas partes implicadas, “pero non hai ningún beneficio para estes 24 barcos, pese a que os informes científicos indican que as especies de cefalópodos están recuperadas e pese a que desde Galiza tamén contribuímos a sufragar ese acordo co país africano”.
A Comisión de Pesca da Eurocámara envía así unha clara mensaxe á comisaria de Pesca, a grega María Damanaki, para que non entre en vigor o acordo actual e se proceda a “inmediata” negociación dun novo protocolo, indicando ademais que non se faga ningún pago con cargo aos 67 millóns de euros fixados como contraprestación a cambio de poder pescar nos caladoiros mauritanos.
Axudas á frota
En relación a posta a disposición de axudas para a frota afectada pola exclusión, Miranda denunciou na Eurocámara que os tripulantes afectados aínda non tiña percibido ningunha compensación, “pese a tratarse dun paro forzado e sen que a día de hoxe haxa alternativas”.
O protocolo asinado pola comisaria Damanaki acapara máis do 60% da partida orzamentaria destinada a este tipo de acordos pesqueiros. Aos 67 millóns de euros hai que sumar a aportación que deben realizar os armadores, que triplica a que estaba agora en vigor. Ademais, o acordo cuxa revisión esixe a Comisión de Pesca é só por dous anos.
Programa Erasmus, sinal de identidade de Europa
Miranda: “o que antes era privilexio duns poucos, completar estudos no estranxeiro, pasou a ser accesible para todos”
Considera “irresponsable” minguar este programa “cando a taxa de paro xuvenil e do 50% en menores de 25 anos”
Estrasburgo, 19 setembro de 2012.- O BNG demandou no pleno do Parlamento Europeo que se garantice a continuidade do Programa Erasmus aportando os fondos necesarios para cubrir o déficit actual, que ascende a 90 millóns de euros, e facer fronte aos pagos das becas de 213.000 estudantes de todos os estados membros, dos que 1.490 corresponden ás tres universidades galegas.
A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, alegou que se trata dun dos programas “máis efectivos na consolidación de idea dunha Europa unida, tolerante e solidaria”, ademais de salientar a contribución do Erasmus “para acadar unha educación de calidade máis igualitaria en termos de oportunidades, pois ten conseguido que o que antes era privilexio dunha minoría, -completar estudos no estranxeiro-, hoxe sexa algo accesible a todos os estudantes”.
Miranda, quen lembrou que tamén foi beneficiaria dunha beca erasmus, propuxo á Comisión Europea que, como Executivo da UE, negocie cos Estados membros un incremento da súa participación neste programa, tendo en conta que de non corrixir o déficit actual se pode chegar “á mesma situación de demora nos pagos das becas tamén para o próximo curso”.
Durante o debate, a eurodeputada argumentou que é precisamente nunha situación de crise económica “tan brutal” como a actual “cando máis necesarios son estes programas formativos”, tendo en conta que a taxa de paro entre a xente nova en Galiza e no conxunto do Estado español afecta a metade dos mozos menores de 25 anos. “Sería irresponsable reducir os fondos deste programa nunha situación de desemprego que se está a cebar precisamente coa xuventude”, alegou.
O Programa Erasmus arrancou fai 25 anos e, desde esa data, 3 millóns de estudantes europeos teñen accedido a intercambios formativos e de convivencia nos diferentes Estados membros. O orzamento total deste programa para o 2012 ascende a 129.000 millóns de euros, dentro dun marco financeiro plurianual 2007-2013 que ascende a 976.000 millóns de euros.
Participación na Misión de Observación Internacional das Eleccións Venezolanas
Bruxelas, 5 de outubro 2012.- A eurodeputada do BNG e membro da Delegación do Parlamento Europeo cos países de Mercosur, Ana Miranda, participa na misión de observación internacional das eleccións de Venezuela, que se celebran o vindeiro domingo para o período 2013-2019, no marco do Programa de Acompañamento Internacional Electoral do Consello Nacional Electoral (CNE).
Nesta misión de observación, Miranda visitou hoxe as instalacións das mesas electorais e mantivo sendas reunións cos equipos de campaña dos dous principais candidatos, o actual presidente, Hugo Chávez, e o líder da oposición Henrique Capriles.
Segundo a información facilitada, a votación realízase por sistema electrónico automatizado en 13.810 centros de votación, con 899 na diáspora, e 39.322 mesas de votación, das que 304 se atopan nas Embaixadas e Consulados, como o caso da de Vigo.
Desde 2004 os venezolanos exercen o dereito ao voto cun sistema automatizado, o denominado sistema de integración Integrado (SAI), unha ferramenta tecnolóxica que permite autenticar ao votante a través do cal o elector certifica a súa identidade na máquina de votación co número de identificación e pegada dactilar. Este sistema está considerado como un dos máis modernos do mundo.
O Consello Nacional Electoral convidou a parlamentarios de todo o mundo, académicos, xornalista e representantes de organismos eleitorais. O programa iniciouse hoxe en Caracas e distribúe aos observadores internacionais nos 23 estados federados.
No caso da eurodeputada Ana Miranda desprazarase por mandato do CNE ao estado federado de Zulia. Finalizado o proceso electoral, realizarase un Informe de Acompañamento Internacional de Traballo elaborado por grupos formados por autoridades de organismos eleitorais, académicos e intelectuais, parlamentares e representantes de partidos políticos, xornalistas, movementos sociais, sindicais, gremiais e organizacións non gobernamentais, a Unión Interamericana de Organismos Electorais (UNIORE), na National Lawyers Guild, a Unión Africana e o Consello de Expertos Eleitorais de Latinoamérica (CEELA).
O BNG defende a erradicación da práctica do ´finning´ nos tabeiróns
Miranda defende desembarcar no mesmo porto as aletas e a canle do escualo para facilitar o control da pesquería
Bruxelas, 19 setembro de 2012.- O BNG apoia a necesidade de erradicar a práctica coñecida como “finning” que consiste en cercenar as aletas dos tabeiróns, de gran valor comercial, e tirar o resto do escualo ao mar, en lugar de descargar en porto todo o corpo do animal. Neste sentido, a formación nacionalista defende no Parlamento Europeo a posición da frota galega de palangre de superficie, que xa é contraria a esta práctica porque aproveita a totalidade do tabeirón.
A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, salienta que a frota galega que se adica a esta pesquería “xa trae o corpo do escualo para porto e non só as aletas, como sí fan outras frotas como a chinesa. Os palangreiros galegos son os primeiros que demandan un maior control na captura dos tabeiróns e defenden a obrigatoriedade de que as aletas e o corpo se desembarquen no mesmo porto para facilitar o seguimento das capturas desta especie”, explica a deputada.
Para Miranda hai que distinguir entre cortar a aleta no barco pero aproveitando o resto do tabeirón, “como fai a frota galega”, ou cortar a aleta e tirar o resto ao mar (“finning”), algo que a eurodeputada considera “unha práctica inaceptable rexeitada polos propios palangreiros”.
Desde o BNG apoiasen as propostas incluídas na Modificación do Regulamento sobre o cercenamento das aletas de tabeirón nos buques, aprobado hoxe pola Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, como a obriga de transbordar e desembarcar xuntas as aletas e os canles dos escualos no mesmo porto, así como as medidas adoptadas para mellorar os datos científicos dispoñibles “que redundará nunha mellor xestión da pesquería”, subliña Miranda.
Segundo as última avaliacións científicas da ICCAT (Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico), as principais especies de quenllas que captura a frota da Unión Europea están en boa situación desde o punto de vista biolóxico e de taxas de explotación.
“É necesario defender unha pesca sustentable, pero non só desde o ponto de vista biolóxico e medioambiental, senón tamén desde a perspectiva económica e social, igual de importantes cando estamos falando de pesquerías vitais para determinados segmentos da frota galega”, conclúe Miranda.


